Disolución, liquidación e extinción
PASOS PARA SOLICITAR A INSCRICIÓN DA DISOLUCIÓN DA COOPERATIVA
O acordo de disolución da cooperativa é adoptado pola Asemblea Xeral. Quen exerza a Secretaría, coa conformidade da Presidencia, emitirá unha certificación na que constarán acreditados os requisitos previstos na Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia e nos propios estatutos da cooperativa, indicando expresamente a causa ou causas que motivaron a disolución, e xunto coa publicación do acordo de disolución nun dos diarios de maior circulación da provincia do domicilio social da cooperativa e no Diario Oficial de Galicia, elevarán a público outorgando a correspondente escritura pública ante notario.
Despois a representación legal da entidade cooperativa solicitará ante o Rexistro de cooperativas competente a inscrición da DISOLUCIÓN da cooperativa, achegando a documentación que deberá presentarse na Sede Electrónica da Xunta de Galicia a través do procedemento específico TR814D:
- Solicitude (TR814D) de inscrición do acordo de disolución no Rexistro de Cooperativas
- Copia autorizada da escritura pública ESCANEADA que incluirá a documentación indicada (DEBERÁN ACHEGAR POR MEDIOS FÍSICOS A COPIA AUTORIZADA AO REXISTRO COMPETENTE, de non achegala será requirida).
- Copia simple da escritura pública anterior ESCANEADA xunto co resto da documentación (DEBERÁN ACHEGAR POR MEDIOS FÍSICOS A COPIA SIMPLE AO REXISTRO COMPETENTE, de non achegala será requirida).
- Acreditación da publicación do anuncio do acordo de disolución no DOG e nun dos diarios de maior circulación da provincia do domicilio social da cooperativa.
- Xustificante do pagamento de taxas por servizos administrativos.
PASOS PARA SOLICITAR A INSCRICIÓN DA DISOLUCIÓN E O NOMEAMENTO DE LIQUIDADORES OU LIQUIDADORAS DA COOPERATIVA
O acordo de disolución da cooperativa e o nomeamento dos liquidadores ou liquidadoras é adoptado pola Asemblea Xeral. Os liquidadores ou liquidadoras facultadas emitirán unha certificación na que conste que acreditan os requisitos previstos na Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia e nos propios estatutos da cooperativa, indicando expresamente a causa ou causas que motivaron a disolución, e xunto coa publicación do acordo de disolución nun dos diarios de maior circulación da provincia do domicilio social da cooperativa e no Diario Oficial de Galicia, elevarán a público outorgando a correspondente escritura pública ante notario.
Despois a representación legal da entidade cooperativa solicitará ante o Rexistro de Cooperativas competente a inscrición da disolución e o nomeamento de liquidadores ou liquidadoras da cooperativa achegando:
- Solicitude (TR814D) de inscrición da disolución e o nomeamento de liquidadores ou liquidadoras no Rexistro de Cooperativas
- Copia autorizada da escritura pública ESCANEADA que incluirá a documentación indicada (DEBERÁN ACHEGAR POR MEDIOS FÍSICOS A COPIA AUTORIZADA AO REXISTRO COMPETENTE, de non achegala será requirida).
- Copia simple da escritura pública anterior ESCANEADA xunto co resto da documentación (DEBERÁN ACHEGAR POR MEDIOS FÍSICOS A COPIA SIMPLE AO REXISTRO COMPETENTE, de non achegala será requirida).
- Acreditación da publicación do anuncio do acordo de disolución no DOG e nun dos diarios de maior circulación da provincia do domicilio social da cooperativa.
- Xustificante do pagamento de taxas por servizos administrativos.
PASOS PARA SOLICITAR A INSCRICIÓN DO NOMEAMENTO DE LIQUIDADORES OU LIQUIDADORAS DA COOPERATIVA
A representación legal da entidade cooperativa solicitará ante o Rexistro de Cooperativas a inscrición dos nomeamentos, ceses ou renovacións dos LIQUIDADORES OU LIQUIDADORAS da cooperativa, achegando a documentación que deberá presentarse na Sede Electrónica da Xunta de Galicia a través do procedemento específico TR814D:
- Solicitude (TR814D) de inscrición do nomeamento de liquidadores ou liquidadoras no Rexistro de Cooperativas.
- Certificación (liquidadores ou liquidadoras) da acta da Asemblea Xeral na que se adoptou o acordo de cese ou nomeamento, que será emitida polos liquidadores ou liquidadoras e coas sinaturas electrónicas de todos eles
- Copia autorizada e copia simple da escritura pública que conteña a certificación anterior, de ser o caso (é voluntario elevar a publico o acordo, mediante o outorgamento da escritura pública ante notario; para iso deberán escanealas xunto co resto da documentación neste procedemento específico e deberán achegar por medios físicos ao Rexistro de cooperativas competente a copia autorizada e a copia simple, de non achegalas serán requiridas).
- Xustificante do pagamento de taxas por servizos administrativos.
PASOS PARA SOLICITAR A EXTINCIÓN E CANCELACIÓN DE ASENTOS REXISTRAIS DA COOPERATIVA
Para solicitar a extinción da cooperativa os liquidadores ou liquidadoras inscritas ou se é o caso o órgano de administración, deberá realizar o proceso de liquidación que a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia establece nos seus artigos 89, 90, 91, 92, 93 e 94. Unha vez rematados os labores de liquidación deberán someter a aprobación da Asemblea Xeral o balance final e o proxecto de distribución de activo e publicar os acordos nun dos diarios de maior circulación da provincia do domicilio social da cooperativa e no Diario Oficial de Galicia. Dende a última data de publicación deberán transcorrer dous meses, sen impugnacións, para que se consideren aprobados definitivamente.
Rematado o proceso de liquidación e materializada esta, o órgano de liquidación ou, de ser o caso, o órgano de administración, deberá outorgar escritura pública de extinción da cooperativa coas manifestacións e achegando a documentación prevista no artigo 66 do Real Decreto 430/2001, do 18 de decembro, polo que se aproba o regulamento do rexistro de cooperativas de Galicia.
Despois a representación legal da entidade cooperativa solicitará ante o Rexistro de Cooperativas competente a inscrición da EXTINCIÓN e a CANCELACIÓN DE ASENTOS REXISTRAIS da cooperativa, achegando a documentación que deberá presentarse na Sede electrónica da Xunta de Galicia a través do procedemento específico TR814D:
- Solicitude (TR814D) de inscrición da extinción e cancelación de asentos no Rexistro de Cooperativas
- Copia autorizada da escritura pública ESCANEADA que incluirá a documentación indicada (DEBERÁN ACHEGAR POR MEDIOS FÍSICOS A COPIA AUTORIZADA AO REXISTRO COMPETENTE, de non achegala será requirida).
- Copia simple da escritura pública anterior ESCANEADA xunto co resto da documentación (DEBERÁN ACHEGAR POR MEDIOS FÍSICOS A COPIA SIMPLE AO REXISTRO COMPETENTE, de non achegala será requirida).
- Acreditacións das publicacións no diario de maior circulación e no Diario Oficial de Galicia relativas ao balance final do activo.
- Os libros e documentos da cooperativa, debidamente identificados, xunto coa relación de todos eles, coas sinaturas electrónicas dos liquidadores ou liquidadoras ou do órgano de administración.
- Xustificante do pagamento de taxas por servizos administrativos.
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Edif. Administrativo San Lázaro
15781 SANTIAGO DE COMPOSTELA
Telf: 981 545 540
Fax: 981 957 748
Localizar en Google Maps